Historia

O sector agrario galego enfróntase a un importante reto demográfico. No 2020 soamente o 8% dos xefes de explotación tiñan menos de 40 anos e o 54% destes tiñan máis de 60, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística. Ademais, o modelo clásico de relevo xeneracional intrafamiliar xa non é suficiente.

 

A incorporación das chamadas novas entrantes, persoas que se incorporan desde outro sector diferente ao da agricultura, é fundamental para o mantemento do tecido agrario a longo prazo tanto en Galicia coma no resto do territorio europeo.

 

Estes novos axentes do sector carecen en moitas ocasións de coñecementos ou experiencia agraria, de propiedade de terras ou mesmo de conexións directas co medio rural, que son elementos críticos para iniciar unha actividade produtiva, inda que gozan doutras vantaxes con respecto a outros agricultores e agricultoras que se incorporan pola vía clásica.

 

O proxecto Terranova está integrado pola Fundación Juana de Vega (FJdV), que actúa xunto á Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Red Asturiana de Desarrollo Rural (READER), Amaterra, a Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos (UPA), o GDR Alto Narcea, Urremendi e o GDR Terra e Auga.

 

O obxectivo principal desta iniciativa consiste en fomentar e dinamizar os ecosistemas territoriais de apoio á instalación no sector agrario. Con isto búscase mellorar as taxas de relevo xeracional no campo, abordando tanto a sucesión familiar de carácter clásico como a incorporación de novos actores ao sector a través de vías extrafamiliares. Para conseguilo, o proxecto céntrase en fortalecer as capacidades técnicas dos axentes locais, impulsar a colaboración multiactor mediante a creación de incubadoras dixitais e realizar diagnósticos profundos sobre as necesidades das persoas que entran ao sector e daquelas que se atopan en fase de ceder as súas explotacións.

 

Unha das tarefas nas que o GDR Terra e Auga centra os seus esforzos é o mapeo de axentes e recursos para o proxecto, colaborando na identificación, categorización e recollida de datos das organizacións que prestan apoio á instalación agrícola, identificando e caracterizando cedentes de terras e vivendas, así como posibles persoas interesadas na incorporación ao sector agrario.

 

Así xorde esta plataforma, que trata de dispoñibilizar os recursos xerados a través do proxecto Terranova e de facelos máis accesibles e útiles para todas as persoas que precisen facer uso deles.

 

 

Scroll al inicio