Guía de incorporación
No ámbito agrario e rural, as axudas máis importantes emanan da Política Agraria Común (PAC), que inclúen tanto as financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, coñecido como FEADER, como as axudas directas financiadas polo FEAGA, o Fondo Europeo Agrícola de Garantía. Pola súa complexidade, é imprescindible contar con persoal técnico de apoio á hora de solicitar ditas axudas, que poden formar parte de entidades de aconsellamento privadas, técnicos das oficinas rurais ou outro tipo de xestores especializados. Nos últimos anos, a solicitude das subvencións para persoas agricultoras mozas púidose facer, en Galicia, a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia mediante o procedemento MR404A. Neste caso, está destinado a persoas de menos de 41 anos e pode variar entre 30.000€ e 70.000€ segundo o xénero da persoa incorporada, a localización da explotación, a orientación e se existe ou non titularidade compartida. No caso das axudas a novas ou novos entrantes, persoas agricultoras novas, que son aquelas que teñen entre 41 e 55 anos, a solicitude realízase a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia pero a través do procedemento con código MR404B, e oscila entre os 25.000€ e os 55.000€. As axudas concederanse pola execución do plan empresarial e de acordo co volume de gasto especificado neste. Exclúense achegas ao capital social, investimento de simple substitución, maquinaria de segunda man, custos de conservación e mantemento, maquinaria para transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais, maquinaria e equipamentos forestais, e taxas, impostos e licenzas administrativas. | ![]() |
Para comezar unha actividade agraria temos, de forma xeralizada, dúas formas de adentrarnos: pode ser que teñamos que buscar terras para implementar o noso proxecto, pero tamén pode haber unha explotación dispoñible para nós xa creada que poidamos adaptar ao noso proxecto e aos nosos gustos. Podemos incorporarnos a unha explotación existente en solitario ou a través dalgunha forma asociativa, coa persoa titular ou con outra persoa alléa á explotación. Nos seguintes apartados centrarémonos no primeiro dos casos, cando a busca de terras non leve aparellada unha explotación en funcionamento. Segue lendo nos seguintes apartados se tamén che interesa acceder a terras que poidan proceder dunha explotación existente. A incorporación a unha explotación existente ten vantaxes e inconvenientes en relación á creación dunha nova. Isto evita a fase de creación da mesma, e danos acceso a coñecemento e formación práctica así como á nosa integración no contexto sectorial e territorial. Unha ferramenta de busca de explotacións en cesión é o Banco de Explotacións do SITEGAL, que conta con un visor xeográfico onde se poden consultar as explotacións en cesión ou venta. Tamén podes atopar explotacións a través do escaparate da Bolsa Remuda da Consellería de Emprego, accedendo mediante a páxina web da Rede de Polos de Emprendemento. Nos seguintes apartados abordaremos como acceder a terras con aptitude agraria. |
|
A nivel da propiedade privada individual, a realidade fragmentada do territorio galego que tradicionalmente se ten visto como un atranco, ten aspectos tanto positivos como negativos á hora de facilitar a incorporación das NE. Noutras zonas a terra agraria concéntrase en relativamente moitas menos mans, polo xeral nas de agricultores/as en activo e sobre todo nas de quen contan con maior base territorial, polo que a oferta de terras é máis ríxida e, de existir, adoita ter unha demanda mellor posicionada para acceder a ela, tanto a nivel económico como de relacións persoais –sexa por sucesión familiar ou outros agricultores veciños-. A realidade galega ofrece moitas máis opcións do lado da oferta de terras, con moitas persoas propietarias non produtoras que potencialmente poden estar dispostas ou interesadas en ceder as súas terras (por algunha vía), o cal entra en combinación con dinámicas de abandono de parcelas en moitas zonas de Galicia, síntoma, entre outras circunstancias, de pouca competencia do lado da demanda. Para facernos unha idea, cada persoa propietaria posúe na nosa comunidade arredor de seis parcelas que suman un total de 1,2 hectáreas (é dicir, pouco máis de 0,2 ha por parcela). Ademais, un terzo delas posúen só unha parcela, e máis da metade só tres ou menos. Esta é a demostración cuantitativa do xa tópico minifundismo presente no país. Como resultado desta fragmentación, en máis dun 70% dos concellos galegos, o número de titulares catastrais supera ao de residentes. Os montes comunais, que tamén son unha forma de propiedade privada pero colectiva, supoñen un cuarto da superficie total de Galicia, e están xestionados polas comunidades veciñais de cada monte, que ascenden a un total de 2.800. A grandes rasgos, na nosa comunidade as posibilidades de acceder a unha parcela inclúen: · Compra-venda. O mercado de terras está en aumento na nosa comunidade, sobre todo nas provincias de A Coruña e Lugo, o cal pode ser unha oportunidade ao incentivar aos propietarios a manter dito movemento. · Arrendamentos e cesións. Na actualidade, só un 41% da Superficie Agrícola Utilizada en Galicia é propiedade das explotacións que a xestionan (un 52% en España), réxime especialmente preferido no caso das explotacións máis grandes, que chegan a ter en arrendamento ata un 70% da súa SAU. Os mecanismos de cesión temporal do uso están plenamente asentados e son xa o medio principal de acceso á terra para as explotacións agrarias galegas. Este feito semella positivo para favorecer o acceso á terra ás persoas NE, na medida en que o arrendamento se presenta como unha vía prioritaria. · Banco de Terras de Galicia. Inda que so xestione un 1% da superficie galega, este instrumento nas que conta con parcelas, que ademais tenden a concentrarse, polo de agora, nas parroquias nas que se teñen executado procesos parcelaria. | ![]() |
Se queres estudar de forma máis detallada como idear un negocio agrícola e non morrer no intento, pero to(oooooooo)das as ideas que che dimos ata agora non foron suficientes, podes complementar a información a través das guías e recursos desenvoltos no proxecto Terranova no que colaboramos. Deforma xeralizada, creamos esta guía xeral de acceso ao sector que, inda que estea especialmente deseñada para o persoal de apoio que traballa con persoas novas entrantes, tamén ti podes facer uso dela para algunha etapa do teu proxecto.




















